Mundo Aisurdo: Os telexornais durante o ano

Hoxe vouvos resolver un grande dilema: que é o máis importante dun telexornal? Que cousas hai que ver? Cal é a información fundamental? Como sei que é o que ocorre no mundo se non lles adico atención? Por que hai tantos e tan variados telexornais? Cal é a información verdadeira? Por que nunha canle dixeron 3.000 manifestantes e noutra 150.000? Por que mudan de cando en cando os/as presentadores/as?

Todas estas perguntas e moitas outras teñen unha resposta: no mundo, normalmente, non pasa nada; ou o que é o mesmo, no mundo pasan moitas cousas, mais hai que recoller sempre o mesmo de todo canto está a acontecer día a día para non alarmar/desanestesiar a sociedade.

É por iso que vos apresento un resumo do que vén a ser un telexornal diario, segundo a época do ano en que nos encontrarmos... Vai!

TELEXORNAL DE VERÁN

Mortos en Iraque/Oriente Medio * mortos por un furacán na India/Centroamérica * mortos nas (auto)estradas españolas * praga de medusas no levante español * soben as cervexas por mor dos guiris * concertos * algo novo nun museo de lonxe * cambio climático * outra morte por violencia de xénero * trebóns con x cms. cúbicos (moitos) en Cataluña * os políticos veraneando * incendios en España/Portugal/Grecia * precaución cos vellos/nenos por mor das subas súbitas das temperaturas * problemas cos voos internacionais * consellos para o estress post-vacacional * balance hostaleiro de ingresos/perdas e comparación con anos anteriores * tema aleatorio de (nulo) interese xeral: vaga de roubos nos chalés dos ricos a cargo de ladróns organizados (importante) da Europa do Leste.

DEPORTES: algo lle pasa nun xeonllo a algún xogador do Real Madrid * fichaxes que persegue o Real Madrid.

TEMPO: Choiva na Galiza * Sol en Madrid * Trebóns en Cataluña * Sol no centro de veraneo madrileño (costa mediterránea).

TELEXORNAL DE OUTONO

Mortos en Iraque/Oriente Medio * mortos nas (auto)estradas españolas * adiantos informáticos no Xapón * sucesos incomprensíbeis entre os veciños nalgún pobo de Castela * outra morte por violencia de xénero * pánico ante outra suba do Euríbor * políticos visitando algún lugar * as reservas de auga ficaron ben/regular/mal este ano tras as pragas de incendios * Bush fai algo chamativo/estúpido * algo novo nun museo raro * novo disco/libro de alguén relacionado economicamente dalgunha maneira coa cadea * o cinema español vai mal * caen as follas e hai que amosalo como novidade * a moda que vai vir no inverno * algunha lea política en Cataluña (testemuños do debate social -?- sobre os nacionalismos periféricos) * soben os carburantes * Fidel Castro, Hugo Chávez ou Evo Morales facendo algo (xogando ao futebol ou morrendo) * tema aleatorio de (nulo) interese xeral: como vai a carreira espacial (Estación M.I.R., Pedro Duque, imaxes de planetas remotos, auga hiperconxelada e nociva no planeta x, etc.).

DEPORTES: algo lle pasa nun xeonllo a algún xogador do Real Madrid.

TEMPO: Choiva na Galiza * Sol en Madrid * Trebóns en Cataluña.

TELEXORNAL DE INVERNO

Mortos en Iraque/Oriente Medio * mortos nas (auto)estradas españolas * baixan as temperaturas * consecuencias do cambio climático (imaxes de animais desconcertados... ou non) * consellos para evitar as consecuencias dixestivas dos xantares/ceas pesadas do Nadal * controles da garda vicil nas (auto)estradas * que cean os españois na Noiteboa? * e na Noitevella? * Imaxes de xente saíndo de marcha o día de Aninovo * catástrofes nunha festa de Aninovo nalgún lugar remoto (tampouco hai que alarmar demais) * canto subiu o marisco este Nadal? * Case non quedan angulas (nin nas peixarías nin no mar) * beber e conducir, pódese combinar se imos de cea familiar? (enquisas a condutores/as nos seus vehículos) * a vila esa en que celebran o Aninovo un día antes * inundación en Inglaterra/Centro Europa * a gala dos Óscar * regalos de Reis (con mensaxes encubertas para os pais sobre que mercar e de que maneira) * tema aleatorio de (nulo) interese xeral: problemas étnico-raciais no extra-radio de Madrid e arredores.

DEPORTES: algo lle pasa nun xeonllo a algún xogador do Real Madrid * Encontro de Nadal entre os amigos de Ronaldo e os amigos de Zidane (resumo íntegro cos 12 golos e louvanzas desmedidas para o xogador x que lle marcou 4 a un porteiro de 104 anos xa retirado).

TEMPO: Choiva na Galiza * Sol en Madrid (e neve para que xoguen as crianzas) * Trebóns en Cataluña.

TELEXORNAL DE PRIMAVERA

Mortos en Iraque/Oriente Medio * mortos nas (auto)estradas españolas * outra morte por violencia de xénero * exames finais dos estudantes españois (consellos para afrontar as datas cruciais) * a Feria de Abril * as tradicións das vilas españolas na Semana Santa * desputa verbal entre o/a presidente/a do goberno e a oposición * Fraga di algo polémico (uns rin e outros lóuvano) * que lle pasa ao Parque Natural das Tablas de Daimiel e por que carallo emigran os parrulos antes de tempo? * pánico ante outra suba das hipotecas (as familias españolas endebedadas) * tifón/tsunami/terremoto x (nome de muller ao azar) no quinto carallo * un pouco de moda * unha balea/golfiño/arroaz encalla nun areal * descóbrese que alguén levou diñeiro dalgún sitio e non era seu * tema aleatorio de (nulo) interese xeral: os problemas actuais da xente nova (basicamente o "botellón" e charlas entre expertos para tratar de solucionar -?- o tema: ningún de menos de 40 anos).

DEPORTES: algo lle pasa nun xeonllo a algún xogador do Real Madrid * se o Madrid gañou a Liga: resumo especial da tempada, se non a gañou: imaxes de Fernando Alonso/Rafa Nadal/Pau Gasol de barbacoa/presentación dalgún produto/guindándose en paracaídas/facendo algo nun sitio raro.

TEMPO: Choiva na Galiza * Sol en Madrid * Trebóns en Cataluña.

Non precisades máis, dependendo da estación do ano, consultade en cada sección o que está a pasar no mundo. De nada.

0 comentários:

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger