(Em Jogo Barcos) A repetiçom das melhores jogadas
Bom artigo de Xavier Vázquez Pumariño em Vieiros.
Volvem as infâmias. Esperpéntico...
Volvem as infâmias. Esperpéntico...
Agora o problema chámase Ostedijk
Xavier Vázquez Pumariño (21/2/2007).O "problema" adopta diversos nomes de xeito periódico pero fundamentalmente sempre é o mesmo: fronte as costas galegas hai en todo momento circulando unha media duns 120 grandes buques e algún deles sufre periodicamente algún tipo de incidente de menor ou maior magnitude; uns 20 buques levan substancias perigosas. Ata aquí todo dentro do previsible e do común. Logo, todo depende da pericia dos gobernantes para converter o incidente en problema e incluso, como se fixo co Prestige, converter o problema en catástrofe.
Hoxe o problema chámase Ostedijk e cun pouco de maior impericia podermos convertelo en catástrofe. A estas alturas, tras o Prestige, é absolutamente inadmisible o que está a pasar; antes da citada crise, a Unión Europea confeccionara dous paquetes de medidas, Erika I e Erika II, de gran transcendencia. Entre as medidas mais importantes que se deberían ter tomado está a da definición, por parte dos estados membros, duns espacios coñecidos como "lugares refuxio". Estes lugares son áreas tranquilas onde resolver incidencias en función da natureza das mesmas, salvar vidas, salvar o buque e a súa carga e evitar a contaminación do medio mariño e litoral e problemas para a poboación. En calquera caso a solución universal é abrigar o buque, traelo a costa, polo que calquera decisión que non vaia nesta liña estaba e está, simplemente, fora de lugar. Cando o goberno de Aznar se atopou co Prestige, por suposto o estado membro non tiña feita a definición dos lugares refuxio nin nada.
Tras a catástrofe do Prestige creouse unha comisión temporal sobre seguridade marítima, que abondou en moitos aspectos técnicos, e xa no 2004 un real decreto recollía moitas das medidas propostas así como recomendacións da OMI (Organización Marítima Internacional). Hoxe, non saben moi ben que facer co Ostedijk e a súa carga porque nin as Directrices comunitarias, nin as recomendacións da OMI, nin os RD propios foron desenvoltos por completo, particularmente no que respecta aos lugares refuxio (non confundir co inexistente concepto de "porto refuxio" creado, que se saiba, polo PP, o grupo de comunicación de sempre e o ex-alcalde de A Coruña para xustificar o inxustificable porto exterior coruñés).
De ter feito os deberes, delimitado os lugares refuxio e estar estes dotados de medios e persoal, simplemente con que calquera seguira o protocolo, o incidente actual estaría resolto de xeito inmediato, sen revoltixo mediático, sen alarmar a poboación e, dende logo, sen darlle posibilidade a alcaldes como o de Viveiro de soster posturas que teñen máis que ver coa proximidade das eleccións municipais que co comportamento responsable e solidario dun cargo público.
Claro que de ser así tamén nos teríamos perdido a revelación do ano, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, mestre da metáfora, que decidiu "mover o barco en vertical" (sic), non se sabe se cara a estación espacial internacional ou cara ao Prestige, e que fala de como está o "clima marítimo de la zona" demostrando que as deficiencias na Educación Primaria xa comezaron hai moitos anos. A min lembroume de xeito inquietante ao seu predecesor no cargo, Arsenio Fernández de Mesa.
Xa, falando do "problema" actual, o lóxico é que o buque estea nun lugar abrigado. A mellor opción, agora, o porto de Alcoa, e unha vez alí, facer as cousas con calma, é dicir, enfriar a carga, extraela e tratar os residuos. Que ninguén se asuste, só se trata do fertilizante das patacas como moi ben sabe Pinto de Herbón que tiña unha animada canción sobre tan rendible producto. Dende logo, regar con chorros de auga non serve de nada inda que nos telediarios queda espectacular. A opción máis lamentable sería tirar ao mar parte da carga nunha zona próxima á costa, idea absurda pero que temo que estea a pasar por algunha cabeza neste momento.
Na miña parroquia xa estamos apostando uns churrascos, de momento as opcións de que o barco vai afundir e/ou que van tirar a carga, gañan seguidores.
Eu aposto por mais risos e mentiras já antes visitadas. Mais tranquilos/as, aqui o importante é o Estatuto Catalám, o novo ministro de justiça, a militar morta em Iraque, a crise do Madriz, a ilegalizaçom do Partido de las Tierras Vascas, Paco "el" Pocero, a retirada do projecto de lei do vinho espanhol e a mãe que @s pariu a tod@s.
21.2.07
|
|
Esta entrada foi adicionada o 21.2.07
Podes seguir qualquer resposta a esta entrada
através de RSS 2.0 feed.
Também podes deixar um comentário,
ou trackback desde o teu próprio web.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentários:
Enviar um comentário