O caralho vinte e nove (29): Heima

O primeiro filme feito por Sigur Rós recolle a xira realizada por quince localidades de Islandia durante o verán de 2006, incluíndo tamén algunhas actuacións posteriores. A maioría son concertos sorpresa, unicamente para os habitantes de cada localidade. Os escenarios varían desde grandes superficies ao aire libre até igrexas recolleitas; entre os concertos atópase o de Reykiavik, o máis multitudinario da súa carreira e, posiblemente, da historia de Islandia.

«Heima» significa "en casa" en islandés, e pretende ser máis que un documental musical, capturando parte da esencia e da vida en Islandia. O director, o canadense Dean Deblois, é un gran fan do grupo e até agora traballara en películas animadas de Disney, dirixindo e escribindo Lilo & Stich, entre outras.

«Heima» é unha fermosísima colección de imaxes que non fan senón pór de manifesto a relación -tanto delicada e íntima, como maxestosa e extraordinaria- que existe entre esa terra de xeo e lava que é Islandia e a música de Sigur Rós. E é que en verdade as imaxes foron seleccionadas, filmadas, fotografadas e editadas cun ollo ao detalle, coa precisión e o agarimo infinito de quen ama a súa terra e a mostra con orgullo e con humildade. Unha postal máxica que leva a eses lugares no medio da nada -aos campos de lava, aos fiordes, á lagoa glaciar-, por medio de coloridas imaxes de ilusión e música exquisita. E a maxia ocorre verdadeiramente cando, despois de estar aí, no medio da nada, comprendes perfectamente que a música de Sigur Rós non podería ser doutra maneira: o mesmo suave e delicada como salvaxe e primitiva.

En Islandia o que fai Sigur Rós ten máis sentido que en ningún outro punto do globo. E quizais por esa mesma conxunción é posible que esta película reúna as mellores presentacións en vivo da banda.

Con «Heima», Sigur Rós demostra que é un deses grupos que fan música non para recibir algo a cambio -millóns, recoñecemento, status, encomios-, senón por un simple impulso creativo persoal, e tamén para dar: «Heima» é un agasallo para o seu pobo, e, a través deste marabilloso documental para o mundo, ábrennos as portas do seu heima, do seu fogar.

Fonte: Comunicado de Prensa Animusic Booking (tradución)

*****

Ontem vim por fim este documental da minha indiscutível banda-referência e a verdade é que me arrependo de ter deixado transcorrer tanto tempo para visiona-lo. Assim e todo, como único ponto negativo, confesso que me deixou com mais ganas ainda das que já tenho desde há tempo de assistir a algum concerto destes abraiantes MÚSICOS, assim, com maiúsculas, islandeses. Nom minto se digo que é o evento musical ao que mais desejaria acudir e mais loucuras (monetárias, viageiras...) cometeria para consegui-lo.

Para quem me conhecedes, já sabeis da minha predilecçom por Sigur Rós, mais... que vos diria se nunca escoitastes nada deles para convencer-vos de que devedes ver este documental?

Primeiro: que ainda que nom gostedes do grupo, o documental dá conta duma viagem verdadeiramente magnífica e bem paga a pena vê-lo já só pola descoberta que supom do país tam desconhecido como atraente que é Islândia.

Segundo: que se os vossos gostos musicais som amplos e diversos e tendes uma mente receptiva e aberta cara a novos estilos, este documentário reúne todos os elementos para que seja uma experiência comovedora e única. Para mim, que gosto imensamente de Sigur Rós, foi intenso e vivificador. Sem discussom.

Deixo-vos várias ligações, donde podedes aceder a contidos, fotos, vídeos em-linha, descarregamentos e demais.

Mais uma vez, insisto... nom o perdades! 10/10!

Heima, a film by Sigur Rós
Heima em Google Videos (inglês, qualidade média)
Heima (arquivo torrent -inglés-)
Heima (legendas/subtítulos -espanhol- para o torrent): aqui e aqui


0 comentários:

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger