EeB espaço (des)natural
Máis eólicas: principio da fin
Para que andar con contemplacións, longas explicacións ou disertacións politicamente correctas? Para que contemporizar? As cousas claras: chegar a poñer 6500 MW de enerxía eólica co actual modelo nun territorio de 29.000 km² é unha salvaxada, unha desfeita sen precedentes, o pesadelo dunha mente febril e enferma.
Explicacións? Se alguén as precisa en detalle é que o tema non lle interesou nada ata agora mesmo e mellor que non lea esta columna, que comece por esta outra de hai xa un par de anos porque a cousa xa vén de antes. Para que precisar detalles técnicos, sinalar outros modelos sostibles, etc. se, ao final, as respostas, sempre insultantemente simples, veñen a resumirse en: a) logo, os Parques Eólicos matan paxariños?, b) aos ecoloxistas non hai quen vos entenda, estades en contra de todo?, c) e logo ti non consomes electricidade? Que prefires as centrais térmicas?. En definitiva, como apuntaba, comentarios simples, maniqueos, que o único que denotan é a pouca información e curiosidade ou a demagoxia de quen os emite.
Do actual modelo de produción de enerxía eólica só cabe dicir a estas alturas que é o perfecto exemplo de como unha boa idea é convertida polas corporacións enerxéticas en conivencia cos diferentes gobernos (ben por interese, ben por ignorancia) nunha idea perversa.
Centrándomonos no país, os gobernos de Fraga, hai xa algo máis de 10 anos, abriron unha barra libre en que unhas elites se repartiron un millonario pastel cociñado cun ingrediente básico: ocupar algúns dos lugares máis valiosos do territorio galego con centrais eólicas, auténticas instalacións industriais dun forte impacto sobre o teritorio. Así asistimos ao dantesco espectáculo de ver desfeitos eses lugares de xeito irreversible sen que a boa parte da sociedade lle importe o máis mínimo. Como caso paradigmático de extrema gravidade cómpre citar a Serra do Xistral e os seus valiosos hábitats, os máis singulares que Galiza tiña no contexto ibérico. Daquela só o ecoloxismo tomou cartas no asunto apoiado, e é absolutamente fundamental lembralo mal que lle pese a máis de un, polo mundo nacionalista. Dende a súa óptica, Galiza xa era un territorio cunha produción eléctrica máis que suficiente pois exportaba a maioría desta cuns impactos ambientais e sociais máis que coñecidos, e a enerxía eólica non era senón outra forma de destrución do noso territorio.
O goberno xa non é do PP e a Consellería de Industria está ocupada polo BNG e sen mediar ningún tipo de debate (público) nin ofrecer ningunha explicación convincente preténdese chegar a instalar no país 6500 MW de enerxía eólica nun exercicio de irresponsabilidade sen precedentes na historia máis ou menos recente. Pero é que ademais non so é escandaloso que se vaia facer, senón o como se vai facer. A situación actual é que Galiza conta neste momento cunha potencia instalada próxima aos 2000 MW e a través dun decreto eólico ampliarase esa potencia nuns 2500 MW máis. O decreto eólico vén dar por moi boa e satisfactoria a política do PP pois permite construír máis polígonos eólicos nas zonas que o PP destinou para iso, as chamadas zonas de reserva. A continuación aparece o novo Plano Eólico, co que a potencia instalada se ampliaría nuns 2000 MW máis chegando ao obxectivo de 6500 MW. Sen dúbida todo un récord... de desfeita. Quizais falar de números sexa un pouco abstracto e, en termo xerais, non nos fagamos unha idea real do que isto vai supoñer para o territorio galego: ben, baste dicir que calquera montaña, outeiro, monte, serra, resalte do terreo ou liña de costa vai ter as súas correspondentes centrais eólicas con algunha minúscula e anecdótica excepción polo que todo o país quedará convertido nun gran polígono industrial adicado á produción eléctrica por obra e graza da Consellería de Industria. Claro que poden pensar que esta é unha visión esaxerada e pasional: para despexar dúbidas remítoos ao plano ofrecido na propia web do INEGA, dependente da dita Consellería.
O argumento máis escoitado a favor destas dúas novas ofensivas eólicas é que van servir, por fin, para o desenvolvemento do país, o que me lembra poderosamente a D. Manuel Fraga cando hai anos lle preguntaron pola contaminación da ría de Pontevedra e el respondeu que ogallá todas as rías estivesen contaminadas pois iso significaría que había moita industria nas súas beiras. Un argumento capcioso, obviamente, pero que ten fondas raíces nun pobo subdesenvolvido como o galego onde o seu déficit máis importante non son xa a día de hoxe os cartos nin os postos de traballo senón a sensibilidade e o respecto polos demais, por nós propios e a nosa cultura.
Curiosamente, neste país, sempre se poñen de exemplo outros máis desenvolvidos e civilizados. Fálase de Dinamarca onde levan moitos anos de vantaxe na produción eólica e onde, loxicamente, ao ser pioneiros nela [acadaron] un grande impulso económico (venden tecnoloxía, compoñentes, equipos, etc.). O que non se conta de Dinamarca é que antes de embarcarse na enerxía eólica fixeron un grande esforzo tecnolóxico e de modificación de condutas tanto os cidadáns como as empresas e as administracións públicas de aforro, chegando xa ao principio da década dos 80, cunhas posibilidades tecnolóxicas menores ás existentes actualmente, a diminuír o consumo de enerxía nun 15%. A comparación é simplemente bochornosa: nós estamos a incrementar vertixinosamente os consumos anualmente. Por outra banda, fagan cálculos e compárense o impacto territorial e o social: Dinamarca ten instalados 3136 MW, son cinco millóns e medio de habitantes e dispoñen de 43.000 km², Galiza terá 6500 MW, somos uns dous millóns e tan só dispoñemos de 29.000 km².
A incoherencia é maior se temos en conta a belixerancia existente fronte a outras fontes de produción eléctrica como as centrais hidroeléctricas; neste momento existe un ruxe-ruxe sobre a construción de tal ou cal presa no Miño, no Sil, etc., e o lóxico é preguntarse por que non centrais hidroeléctricas?, por que si centrais eólicas? por que nós amamos os ríos e odiamos os montes?, foi por algún poema de Rosalía?... E postos a ir un pouco máis alá, por que o Parlamento Galego rexeita a construción de centrais eólicas no mar e non en terra? É máis importante ecoloxicamente, paisaxisticamente ou economicamente algún fondo mariño por aí adiante que os montes? Por que non no mar? E aínda podemos ir un pouco máis alá, se o que se trata é de producir electricidade a toda costa e acaparar inversión, por que non apoiamos xa a construción de centrais nucleares en Galicia? Ao fin e cabo ímolas precisar cando estean todos os AVEs funcionando pois o consumo eléctrico dun destes trens é similar ao dunha cidade de medio millón de habitantes. Non digan que non sabían este tipo de cuestións ou que non foron advertidos, acaso non teñen asesores?
Os cambios que se van producir son tantos e de tal magnitude que non se trata xa só dun problema ambiental e de xestión enerxética; como vai ser a cultura galega nas próximas décadas? Existirá? Imaxinan un Uxío Novoneyra ou un Manuel María eólicos? Brétemas do muiñeiro eólico? Hai moita xente que ten que dicir cousas e non o fai, por exemplo o Consello da Cultura Galega de un bo feixe de intelectuais particularmente activos noutros ámbitos. E os medios de comunicación, en xeral, calados ou desviando o tema como unha mera pugna política PSdeG/BNG na sección de economía sen atender as consecuencias de tal política. Neste senso, o Conselleiro Manuel Vázquez inhibirase ou fará cumprir a lei inda que lle chovan chuzos de punta no bipartito?
Con todo, quizais, o máis incompresible de todo isto é ver importantes sectores do ecoloxismo galego ben calando ben sendo calculadamente ambiguos ante unha desfeita que coñecen perfectamente; seguidismo de Madrid? só teñen importancia os ríos? por que? Eles saberán, pero baste apuntar que se ben hai unha boa e necesaria oposición ao plano acuícola, os obxectivos eólicos terán un impacto 1000 veces maior. E a militancia nacionalista que opina disto? Cidadáns plenos e conscientes ou volubles seareiros? O presidente Delano Roosevelt cando recibiu o ditador Somoza dixo: “si, é un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta”; son as grandes empresas galegas (de sempre) o noso ditador Somoza? É esta a filosofía agora? De esquerdas á chinesa, é dicir, capitalismo salvaxe con estrelas vermellas? Alguén sabe algunha cousa que os demais tamén deberamos coñecer?
Por último, nun plano absolutamente persoal, o que máis doe é que non vou ter ningún país que ofrecerlle á miña filla, tan só un polígono industrial.
(O texto tem algumas correcçons minhas para o adaptar à norma ILG-RAG que segue o próprio autor)
Espécies protegidas já estám a morrer em Espanha por mor dos moinhos de vento
25.11.08
|
Etiquetas:
Plano eólico,
Xabier V. Pumarinho
|
Esta entrada foi adicionada o 25.11.08
e está classificada sob as "etiquetas"
Plano eólico
,
Xabier V. Pumarinho
.
Podes seguir qualquer resposta a esta entrada
através de RSS 2.0 feed.
Também podes deixar um comentário,
ou trackback desde o teu próprio web.
2 comentários:
gracias david por achegarme(nos) este artigo no teu blog
maria
Es-celente arti-colo.
Graz-as, Da-vid.
Enviar um comentário