A única e verdadeira historia de Yonki Joe

Yonki Joe criárase na rúa, máis concretamente na rúa Iogurte Natural, perto da comisaría de policía cristiá do bairro chinés dunha cidade escura e fría como poucas.

Entre refugallos e bolsas do Familia, que peiteaban en remuíños constantes aquel ar intenso e breve que case se degustaba na boca, Yonki Joe pasou as súas horas de infancia, imbuído nun mundo que el propio se creara para fuxir daquela realidade abafante e triste.

Para Joe, os colectores do lixo eran os seus particulares garda-costas e protectores; os semáforos convertéranse paseniñamente nos ditadores, os inquisidores da rúa, que coordinaban e mandaban os destinos do resto dos insignificantes seres que se axitaban erráticos embaixo das súas tremelucentes luces ámbar e insidiosas luces vermellas. Aqueles semáforos inquietaban sobremaneira a Joe, porque froito dunha esculca demorada de moitas horas, incluso días, Joe decatárase de que aqueles tesos paus sombríos e impoñentes nunca amosaban a preciosa cor verde da que Joe tanto gustaba.

O noso amigo sempre rexeitaba a proximidade dun deses semáforos do inferno, porén o que si lle era calidamente próximo eran as gabias abertas na rúa, sempre valadas e misteriosas, onde os homes sen nome traballaban arreo transportando tubos, canais, ferros e demais aparellos dun lado a outro e sen descanso. Yonki Joe imaxinaba que aqueles homes sen nome estaban a preparar a defensa para o asalto definitivo ao territorio dos grandes semáforos. Despois de todo, pode que aquela tiranía dos prohibitivos círculos vermellos estivese a piques de coñecer o seu inminente final.

Joe excitábase moitísimo cando vía chegar camións enormes con grandes maquinarias que removían aquí e aló, mentres os homes sen nome transportaban grandes tubaxes, que colocaban estratexicamente mentres outros dispoñían novas ringleiras que aqueloutros se ocupaban de aquelar con todo o coidado. A guerra estaba próxima e Yonki Joe sabíao. Só faltaba que alguén, dende a sombra, dese a orde definitiva e todo estouparía nun combate inesquecíbel...

Unha mañá fría e distante, Joe procuraba o seu sustento na cafetaría de sempre, onde aquela muller de longos cabelos dourados lle regalaba silandeira unha galleta envolta nun fino plástico e mais un vasiño de leite quente cun terrón de azucre xa disolto onde Joe devecía por mollar aquel modesto manxar que tan ben lle sabía e que máis de unha vez lle fixera botar unha bágoa cando, por cousas da casualidade, o pequeno bocado lle lembraba o saboroso biscoito que unha vez lle regalaran no "súper" porque había dous días que caducara. Ou como aquela vez que lle caeu a galleta ao chan cando xa a sacara do envoltorio e, cos ollos a piques de estourar nun mar de bágoas, recebeu outras dúas da muller dos cabelos dourados, que o agasallou ademais cunha agarimosa caricia na caluga. Joe apreciaba aquela muller sobre todo o que o arrodeaba e máis de unha vez acompañáraa secretamente até o seu coche para velar pola súa seguridade, pois aquel grisaz bairro era perigoso de seu a calquer hora. Pero aquela mañá era diferente por algo que a Joe aínda se lle escapaba...

Pronto, Yonki Joe comprendeu que había algo novo. Mentres estivera a se recrear toda aquela mañá en comprobar canto tardaría en se disolver por completo a galleta mergullada no leite, non reparara en que algo descoñecido presidía a estampa daquela rúa misteriosa. Na tenda da esquina, xusto fronte á concentración máis importante de semáforos, que se dispoñían nun encrucillado perfecto, vixiantes de calquer manobra sospeitosa; naquela pequena tenda había agora unha figura que se opoñía desafiante e valerosa: un Home Boomer xigante.

Máis de dous días tardou Joe en se achegar xunto a aquel impoñente home azul para escudriñar detidamente aquel novo integrante do "bando da liberdade" (así o baptizara Joe).

Unha vez comprobou a fortaleza daquel super-home retirouse ás présas, embargado por unha mistura de medo e ledicia. Aquel novo compoñente ía salvalos a todos e o bairro deixaría de ser un gueto submetido aos designios dos terríbeis tiranos da luz.

Despois de unha semana sen que nada se movera máis do permitido no bairro, a tensión ía en aumento para o noso amigo Joe. El sabía que os semáforos agardaban un erro do Home Boomer, un paso en falso, calquer decisión equivocada, para arremeter contra el e sufocar a insurrección. E unha noite como outra espertou sobresaltado por un grande ruído ("estoupou a guerra", pensou, "teño que ir axudar o meu amigo"). Cando chegou, a fotografía que se podería tirar naquel taboleiro fatal non podía ser máis desalentador: un camión fora bater contra a tenda da esquina e o Home Boomer xigante parecía seriamente danado. Todo parecía obra dos sibilinos semáforos, quen permanecían alerta no medio da estrada, coas súas triunfantes cores ámbar alumeando a noite neboenta e parecían rir entre deles con esa combinación perfectamente sincronizada de cores intermitentes, case como a sinalizaren a derrota do bando sublevado.

Daquela Joe decatouse: "teño que acudir na axuda do super-home, necesítame", e botou a correr cara a el. Nese momento, a luz do semáforo principal mudou e, por vez primeira, unha intensa cor verde cobrou vida naquel demo de pau infernal. Deseguido, unha chea de vehículos apareceu da nada no medio da mesta néboa e un vehículo moi longo, con rodas grandes e cristais escuros como o fondo dunha furna lanzouse contra Joe e o seu amigo. Yonki Joe foi quen de evitar o impacto do autómobil, mais non o seu heroe azul, quen de inmediato comezou a se crebar. Joe ficara quedo, cheo de medo e impotencia, e a grande figura do super-home ameazaba con caerlle enriba. De súpeto, un colector que descendía rúa abaixo a fume de carozo apareceu onda Joe e este, con grande destreza, termou dunha das súas asas laterais, evitando quedar sepultado baixo a poderosa figura do seu heroe.

Foi unha sorte para Yonki Joe non morrer esmagado por aquel Home Boomer xigante. Mais aquela noite comprendeu quen era realmente o obxectivo dos semáforos do bairro. E soubo que facía falta moito máis valor, un exército máis forte e moitas, moitas galletas...


1 comentários:

Anónimo disse...

Parabéns, David. Que forza narrativa!
Que tensión! e que desenlace...Esas galletiñas que sen elas non somos ninguén. Tan humanas! Tan ao alcance de todos!
Noraboa fillo.

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger