Fábula do País do Bicientismo harmónico

Había unha vez un país chamado Inconscientia, moi bonitiño el, de xente doce e amábel e agarimoso trato. Os seus habitantes adicábanse ao traballo da terra e á esculca dos mares, tarefa en que eran expertos dende tempos moi antigos. Co paso do tempo, grazas aos coñecementos e habelencias dos vellos sabios, foron desenvolvendo unha técnica moi eficiente para traballaren a mar, baseada nunha antiga teoría matemática dos mestres árabes de Damasco, a cal perfeccionaron até acadaren a súa técnica propia, cuxa sona se estendeu mesmo alén das súas fronteiras. E así pescaron durante séculos, fachendosos da súa técnica inimitábel. Mais, un día, as xentes de Insconscientia foron visitados por un outro pobo pescador e cazador, de nome Unisólibri, quen lles amosaron a técnica empregada por eles dende antigo, baseada na ciencia da física.

Aos poucos, os habitantes de Insconscientia foron esquecendo a súa técnica milenaria de pesca, e adoptando a técnica que o pobo de Unisólibri lles aprendera. Todo aquilo baseado nas matemáticas foi desaparecendo de vagariño, e a física ocupou o seu sitio igualmente amodiño. Todos os libros que falaban das ciencias matemáticas foron gardados coma reliquias en maxestosas e fermosas bibliotecas, protexidas por sapientísimos científicos, e unha vez ao ano eran sacados das súas urnas para llelos ensinar aos cidadáns de Insconscientia, depositarios orgullosos do seu vetusto legado e antergas tradicións. A física, así e todo, era agora a única ciencia necesaria, e con ela abondaba e sobraba para interpretar o mundo e evoluír coma pobo.

Algúns cidadáns de Insconscientia, coñecedores da importancia e valía dos seus antigos coñecementos, tentaron recuperar a memoria de todo aquel pasado glorioso, para demostraren que as técnicas matemáticas debían volver ser as propias do país, como fora no pasado, con aquelas artes tan brillantes e eficaces. O rei de Insconscientia e os seus nobres vasalos aceptaron entusiasmados ante tan magna idea e o soberano rexedor non dubidou en dictar leis e promulgar decretos para normalizar novamente as ciencias matemáticas en todo o país.

Porén, as tranquilas e ignorantes xentes de Insconscientia non acreditaban demasiado nese pasado de que lles falaban e por toda a parte se escoitaban comentarios como: "As matemáticas non valen para nada", "Aquí sempre se pescou coa técnica da física, a conto de que vén agora tentar impor a técnica da matemática?", "Esa técnica nova da que falan eses sabios nin é técnica nin é nada, é un invento de catro científicos para nos tolearen a cabeza". Moita xente aínda recordaba os seus avós e avoas falar desa técnica milenaria baseada nas matemáticas, e algúns, poucos, aínda seguían a usala, caladamente, no seu traballo diario. Mais a importancia que adquirira daquela a física xa era moita, e cando ían á cidade para mercaren aparellos, ou cebo para os peixes (miñoca, sardiña, isca...) pedíano todo coma se fose para seguiren a técnica da física, pois dáballes vergoña que a xente da cidade pensase que aínda seguían a empregar aquela antiga técnica desfasada ou por medo a que pensasen que non sabían saír á mar co aparello desa gran técnica da física.

O sapientísimo rei de Insconscientia foi informado entón de que as leis que promulgara non tiñan o resultado esperado e, de inmediato, creáronse axudas para que as antigas técnicas de pesca baseadas nas matemáticas se recuperasen e se volvesen ensinar nas escolas de pesca de todo o país. Léronse edictos solemnes en prol da pesca con anzol matemático e con aparello de igual ciencia, fixéronse libros, realizáronse reunións de seguimento, centos de sabios foron reunidos para analizaren a cuestión e déronse mil e unha solucións, ideáronse plans de choque e intervención, celebráronse festas de pesca tradicional, e promúlgaronse máis leis para protexer aqueles antigos costumes. Todos ficaron moi contentes, por teren axudado a solucionar o problema. Algúns dos vasalos e incluso o propio Rei non dubidaban en practicar publicamente, mal que ben, a arte antiga da pesca de Insconscientia ante as bondadosas xentes do reino. E todo decorreu en harmonía durante séculos e máis séculos.

E un bo día, toda a xente de Insconscientia, asimilada polo emerxente e fanático pobo de Unisólibri, esqueceu completamente aquela antiga arte de pesca baseada na matemática e chorou amargamente porque a técnica metade matemática metade física que empregaban era ridiculizada por todos aqueles que unha vez lles aprenderan a súa nobre técnica.

E todo o pobo de Insconscientia, que unha vez fora libre, digno e orgulloso de si propio, foi tomar polo cu e ninguén se importou en ningures. E todo se foi ao carallo.

FIN

Oye, que yo no pesco con la técnica matemática, pero soy tan "inconsciente"* o MÁS que tú, que yo mamé esa técnica desde que era pequeñito. Y la uso cuando quiero y no cuando el rey y sus nobles me digan que tengo que usarla. Y si no la uso es porque no se me da bien y no quiero hacerlo mal... aparello, bolboreta, arco-da-vella, morriña!!!

*inconsciente: ciudadano de Inconscientia, antiguo reino del Imperio Unisólibri.

0 comentários:

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger