A espera

Levo uns dias querendo pôr esta foto, mas evoca-me tantas sensaçons, moitas delas mesmo contraditórias, que nom sabia como explica-las com palavras simples. Assim que tomei a decisom de aglutinar todo o que esta imagem me faz sentir num pequeno texto "poético", se me permitirdes a licença.

Como é lógico e legítimo, cada um/a de vós tereis as vossas próprias evocaçons, mas eu ofereço-vos as minhas. Senti-vos livres de achegar a vossa contribuiçom.

A ESPERA*

Nesta noite que fede a escuridade
auscultaranme tristemente
as insípidas olladas anónimas,
mentres agardo
coas mans caladas e negras
polo son último da liberación dos meus pecados;
mentres espero ese momento fraco
de palabras solemnes ateigadas de fracaso
(que odio porque fondean ben adentro das entrañas
deste desexo inútil de vinganza
que detesto);
mentres peiteo as cellas
coa cabeza mesta,
cos ollos mestos,
co sangue nos beizos
e as bágoas no camiño.

[Hai luz de insectos-lanterna
enchendo os espazos apagados
e un arrecendo falso de amor subcontratado
que cobre de ledicia as esperanzas mortas.]

Espero ese intre imperfecto
matinando nun comunicado que non penso
transmitir,
absorto nas lembranzas
que me fan culpábel
no xuízo perpetuo das oportunidades perdidas.

[Un ar mecánico envolve as paredes.
A espera faise agradábel por momentos.
O exceso de noite abafa os sentidos.]

Repasarei duascentas veces
as palabras prohibidas
re-poñendo até o límite
esa canción que me pon melancólico,
agardando como o tigre vencido
na selva das árbores de coiro
por unha idílica estampa rota
que nunca chega.

[A luz parpadea en tique-taques.
O ansiado son intermitente estoupa
nun calafrío simétrico.
As ideas morden mentres alguén corre sobre os pés
apresurados.]

"Es... es ti?"

* O título é provisório.

NOTA: Por certo, a fotografia é de Jeff Brouws (graças Rufo, por compartir comigo o teu gosto polo que eu chamaria "a fotografia do fracasso")

0 comentários:

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger