Celulouqui

"Eu son máis de novela curta."
Levan ao cinema a historia dunha pedra.

Baseada nunha tradición oral moldava, o filme é unha reflexión sobre o paso do tempo, a agonía e a inercia inherente ao ser inerte. Chega ás salas de medio mundo o Día Mundial da Pedra (o 31 de xaneiro)

Película: Amar petreamente
Título orixinal: The Stone
Director: Ricardo Rocha
Guión: Irmáns Wachowski, sobre o best-seller moldavo "Contos petrificados mazo de moldavos"
País: Moldavia, Rusia e a canteira do Deportivo
Ano: 2012
Duración: 119 minutos
Xénero: Neutro
Interpretación: Pedra #231 (Petra), Paxaro da reserva natural de Wyoming (Paxaro voador), Keanu Reeves, Morgan Freeman, Francis Lorenzo
Sinopse crítica: "Ás veces a verdade nace das pedras"... coa voz en off dun sublime Morgan Freeman (sae a 12 000 $ / palabra, o amigo) dá comezo unha viaxe inesquecíbel a través dunha odisea visual de magnitudes oníricas. Unha pedra, sinécdoque de si propia, que terá de enfrontar o amor, a chuvia, a falta de comida, a desesperación, o capricho do vento, os desprazamentos dos esquíos, os ERE en AKI Xardinaría, o medo á aparición de Pedro Almodóvar... Unha experiencia conmovedora coa que trasladarnos a outra época, outra calor de outono, outro plano vital da realidade, outro amor polo inmutábel. Unha marabilla técnica plena de agasallos con que nos deleitarmos, posta ao servizo dun "eu" que se esgota e se amalgama entre a barafunda global. Un rollo mui loco.

0 comentários:

Designed by Posicionamiento Web | Bloggerized by GosuBlogger